Seguro ético
Que é o seguro ético?
Para Arç Cooperativa, o seguro xestionado con criterios éticos e solidarios reporta uns beneficios sociais que deben agromar e introduce no mercado asegurador as prácticas propias da banca ética e do mutualismo.
A mutualidade, que identifica os seguros cun instrumento comunitario; a equidade, que garante o acceso universal a este tipo de financiamento; e a transparencia, que propón unha relación entre iguais, son os tres alicerces dos seguros éticos.
O selo EthSI
Arç Cooperativa é a primeira mediadora de seguros de Europa rexistrada co selo EthSI para a xestión do seguro ético e solidario co máximo nivel de rexistro.
Este selo certifica a adopción de prácticas de responsabilidade social e de investimento eticamente orientadas e socialmente responsables, así como outros comportamentos éticos das organizacións, como a vinculación á economía solidaria ou ser usuaria da banca ética.
Os criterios deste selo diríxense tanto aos produtos como ás xestoras e compañías aseguradoras, que son avaliadas cada ano polo Observatorio das Finanzas Éticas a través dun comité independente.
As finanzas éticas e solidarias
O seguro é unha forma de financiamento anticipada, un servizo financeiro como a banca e o crédito. Do mesmo xeito que ocorre coa banca, no sector asegurador o investimento é a principal fonte de beneficios, pero tamén debe permitir establecer vínculos sociais e comunitarios.
Para as consumidoras de seguros é importante coñecer que uso fai o sistema asegurador dos seus cartos. Neste senso, o seguro ético e solidario forma parte do sistema de finanzas éticas. Cando o financiamento é ético, as aforradoras, xa sexan persoas ou entidades, exercen o dereito a saber onde se invisten os seus aforros e, polo tanto, as entidades financeiras deixan de financiar actividades eticamente reprobables e invisten só en proxectos de contido social e ambiental e, á súa vez, facilitan o acceso ao crédito a colectivos que tradicionalmente foron excluídos.
4 preguntas clave
1.
Se ofrecedes seguros éticos, por que traballades con compañías sen o selo EthSI?
Para Arç Cooperativa, o desenvolvemento do seguro ético pasa por un proceso. Aínda non podemos cubrir as necesidades aseguradoras de todas as empresas, entidades e persoas ás que ofrecemos seguros con produtos certificados como éticos e solidarios porque non hai compañías certificadas dabondo. Porén, esta dinámica está a cambiar: hoxe as compañías aseguradoras certificadas para ofrecer seguro ético teñen un volume de primas anuais que raia os 800 millóns de euros no Estado.
2.
Por que Arç Cooperativa non traballa exclusivamente con compañías certificadas?
O obxectivo é cubrir todas as necesidades aseguradoras das organizacións da economía solidaria e do mundo asociativo. O máis importante para nós é atender estas necesidades con produtos certificados, pero mentres non poidamos atendelas, incrementamos o poder de compra e facemos presión para que as compañías avancen cara o rexistro EthSI. Durante esta transición conseguimos que os nosos clientes se beneficien dos prezos vantaxosos como consecuencia da compra colectiva.
3.
Que tipo de auditoría pasan as compañías e as corredorías certificadas con este selo?
O Observatorio das Finanzas Éticas (que xestiona o selo) pide información relevante respecto a algúns parámetros básicos e determina o nivel do rexistro. No caso das corredorías, como Arç Cooperativa, interpélanos sobre a vixencia da memoria de sustentabilidade e sobre se resolvemos os aspectos mellorables dos exercicios anteriores. Hai un segundo aspecto que avalía o selo: o tipo de empresa e o seu código ético. A terceira gran variable que se observa é a evolución da organización como provedora da banca ética.
4.
Arç Cooperativa pódeme garantir que as primas dos seguros non se reinvestirán en negocios pouco éticos?
Cando o Observatorio das Finanzas Éticas rexistra unha compañía aseguradora, na gama básica do rexistro apunta que unha «porcentaxe» dos investimentos son eticamente responsables. Polo tanto, no momento de transición actual si se pode dar o caso de que haxa unha parte do investimento non socialmente responsable. Porén, se se atopara unha compañía certificada que investise nos chamados investimentos de «máxima sensibilidade ética» (como armamento ou paraísos fiscais), o Observatorio retiraríalle o selo.